A longa viaxe de dous linces irmáns.

Por fin, tras máis de 15 anos sen verse por alí un lince ibérico, en novembro do ano pasado liberáronse varios linces nos Montes deToledo. Pero dous deses linces, Kahn e Kentaro, non quixeron quedar alí e preferiron explorar a península Ibérica. Estes dous irmáns, nacidos no centro de cría en catividade de Silves(Portugal), levan percorridos máis de 1.000 quilómetros en sentidos case opostos, afastándose entre si. Sabémolo grazas aosradiomarcadores que levan nos seus colos, que permitiron seguir a súa pista e trazar as súas viaxes sobre o mapa.

Os irmáns Kahn e Kentaro completaron desprazamentos de máis de 25 quilómetros nunha soa xornada
A longa marcha destes dous linces ibéricos supuxo días nos que percorreron distancias de 25 quilómetros, cruzando estradas, ríos, fronteiras e encoros ata a súa situación actual. Kahn comezou a desprazarse cara ao oeste dende o primeiro día, atravesou o Parque Nacional de Cabañeros e chegou ata o Texo, para posteriormente internarse na provincia de Cáceres. De aí, desprazouse ata Portugal tras cruzar a nado o Guadiana e agora acaba de cruzar o encoro de Alqueva, segundo informa Iberlince, o proxecto encargado de salvar da extinción a esta especie.

Pola súa banda, o seu irmán Kentaro escolleu a ruta do norte. Tras roldar pola zona onde o soltaron, en xaneiro emprendeu o seu camiño ata a cidade de Toledo, cuxas inmediacións visitou en dúas ocasións. Dende aí, pasou por Madrid, Cuenca e Guadalajara, onde cruzou o Texo, para internarse en Zaragoza e Soria. Finalmente, instalouse en La Rioja dende principios de maio.

Máis alá do anecdótico, os responsables de Iberlince consideran as viaxes de Kahn e Kentaro unha boa mostra da resistencia destes animais e da súa capacidade de desprazamento, que permitirá crear conexións estables entre as áreas de reintrodución de toda a Península.